DENDE O SUR DE GALICIA ATA O MESMÍSIMO ECUADOR:
COORDENADAS DO PRÓXIMO RECITAL DE POETAS DI(N)VERSOS
O Ciclo de poesía da Concellería de Culturas da Coruña celebra o próximo 28
de novembro a segunda cita deste seu oitavo ano consecutivo. Será coma sempre
en día luns, coma sempre ás 20:30h e no Auditorio do Centro Ágora da Coruña,
nun acto de aproximadamente unha hora de duración, aberto a todo o público
interesado e con entrada de balde.
A programación, dirixida pola tamén poeta e dinamizadora cultural Yolanda
Castaño, volverá reunir dúas das máis interesantes voces de Galicia e do resto
do mundo, para que compartan en vivo os seus textos fronte a un público cada
vez máis nutrido. Neste caso, dende Tui e dende Quito chegan respectivamente
Marga Doval e Edwin Madrid. Dous autores ‘alérxicos’ a calquera tipo de
impostura na escrita, procurando sempre a honestidade aínda que dende a
estilización literaria de maior calidade. Os dous nados na primeira metade dos
anos 60, o seu recital constituirá o harmónico diálogo entre unha poética en
galego e outra en castelán.
Conducido pola poeta compostelano-coruñesa que coordina o proxecto dende
2009, o acto ofrecerá tamén a posibilidade de levar sinaturas dos escritores
convidados nos exemplares dos seus libros. De feito, nomeadamente, o poeta
ecuatoriano aproveitará a ocasión para presentar en Galicia o seu último título
publicado baixo o prestixioso selo de Pre-Textos: a antoloxía persoal “Todos
los Madrid, el otro Madrid”. Edwin Madrid é un dos autores máis
unanimemente recoñecidos da poesía contemporánea do Ecuador. Premio Casa de
América e director dos Obradoiros de Escrita Creativa da Casa da Cultura
Ecuatoriana así como das Ediciones de la Línea Imaginaria, a súa intensa
proxección internacional teno becado, premiado ou presentado por toda
Latinoamérica, o Caribe, os Estados Unidos e Europa. Canto á viguesa Marga
Doval, foi Lectora de Galego na Universidade de Tréveris e desenvólvese tamén
como tradutora literaria dende o alemán (Premio AELG á mellor Tradución). Tense
dedicado moi activamente á escrita teatral, así como ao columnismo de opinión.
Autora tamén de dúas novelas, polo seu segundo poemario chegou a acadar o
Premio da Crítica Española.
Os libros de Doval e Madrid poñeranse á venda para os e as interesadas por
parte dunha das librarías dos barrios coruñeses, presente no evento como vén
sendo habitual. E a este encontro poético seguirán novas citas mensuais de aquí
a xuño, como a que o 12 de decembro nos traerá a viguesa Silvia Penas e a
xenovesa Laura Accerboni. Un ciclo de alta calidade literaria que fora galardoado
como Mellor Iniciativa Cultural nos Premios da Crítica Galicia 2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario