Continúan en Munic as “Xornadas de Literatura Galega” impulsadas polo Instituto Cervantes da cidade que se están a celebrar ao longo deste outono. Cunha excelente resposta por parte de público e prensa alemá, os eventos literarios e musicais arredor da produción cultural galega contemporánea comezaron o pasado 15 de setembro e estenderanse ata o 8 de novembro.
O programa comezaba cunha mesa redonda sobre “Literatura Galega Actual” a cargo de Yolanda Castaño e María Reimóndez, as dúas autoras becadas na Residencia Internacional para Artistas “Villa Waldberta”, institución que colabora. Esta mesma noite, a percusionista de jazz viguesa Lucía Martínez ofrecerá un concerto no Jazzclub Unterfahrt ás 21h e, o próximo martes día 25 ás 20:30h, farano o colectivo artístico “Tender a Man” no Club Ampère da Muffatwerk, un centro de referencia para a arte e cultura en Munic.
TENDER A MAN é a atractiva proposta de fusión de poesía, música en directo e danza contemporánea galegas que integran os músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut, a bailarina e coreógrafa Branca Novoneyra e a poeta Yolanda Castaño. O espectáculo multidisciplinar ao fío do recital de Castaño xa servira de celebración do pasado Día das Letras Galegas en Tokio, e recala agora na capital bávara para proxectar unha imaxe coidada e de vangarda da cultura feita hoxe en Galicia.
Con esta actuación e despois doutros actos celebrados nas últimas semanas, Yolanda Castaño poñerá fin á súa estadía de dous meses na Villa Waldberta, sita nas verdes aforas da cidade, a beiras do lago Starnberg, e que lle permitiu mergullar no tecido cultural muniqués tanto como un entorno propicio, retirado e inspirador para afondar na súa propia escrita de creación. O caserón propiedade do Concello de Munic, construído en 1902, alberga dende hai décadas a escritores e artistas chegados de todo o mundo tras un convite institucional. Os seus cinco apartamentos fornecen dun ambiente de sosego, concentración e estímulo para creadores/as de todos os xéneros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario