NOTICIAS PATROCINADAS por Literaturas Com Libros ¿QUIERES PATROCINAR ESTAS NOTICIAS? publicidad@literaturas.com
(Entre as 18h e as 19:30 -coma en cada unha das xornadas do ciclo- no hall do Hotel NH Atlántico habilitarase un espazo e un tempo que os poetas convidados podan dedicar á prensa interesada).
O ciclo de recitais “POETAS DI(N)VERSOS” impulsado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e dirixido pola poeta Yolanda Castaño chega ao seu remate polo que respecta a este curso lectivo. Comezara en Novembro coa visita de Luis Eduardo Aute, e dende entón manteu a constancia de reunir un/ha poeta galego/a xunta outro/a de fóra de Galicia nunha cita mensual co público coruñés e visitante. Así, algunhas das mellores voces da poesía en galego, castelán, catalán, euskera e portugués fixeronse escoitar cada terceiro martes de mes na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, en sesións libres e abertas a un público que fixo dos actos un inusual éxito de convocatoria.
Neste mes de maio toca despedida. “POETAS DI(N)VERSOS” programa o seu último recital ata despóis do verán para regresar -tras da paréntese estival e con forzas renovadas- con novos poetas de renome nas 5 linguas da Península Ibérica.
O broche de ouro póñeno este martes 18 (20:30h) dúas mulleres provintes de xeracións e linguas diferentes: Marica Campo e Elena Medel. A primeira é unha das autoras máis queridas da literatura galega actual, autora tamén de narrativa, teatro, literatura infantil e colaboracións xornalísticas, múltiplemente premiada e responsable de letras de cancións para un bo número de bandas galegas. A nacida en 1948 no Val do Mao fará parella coa cordobesa do 85 Elena Medel, quen se vén confirmando nos últimos anos coma a figura revelación da poesía española moza. Ela dérase a coñecer despóis de gañar o Premio Andalucía Joven cun libro que publicaría contando só 17 anos e que hoxe vai xa pola tarceira edición: Mi primer bikini. Actualmente traballa en Madrid como editora, conta con dous títulos máis, participa en multitude de encontros literarios e fai parte do proxecto de axitación cultural “La Bella Varsovia”.
Coma en anteriores ocasións, o evento proporcionará tamén un encontro das autoras coa prensa interesada, así coma unha magnífica oportunidade para adquirir as súas obras e/ou solicitarlles sinaturas nas mesmas.