Páginas

sábado, 26 de noviembre de 2016

178.- Dende o sur de Galicia ata o mesmísimo Ecuador: coordenadas do próximo recital de POETAS DI(N)VERSOS






DENDE O SUR DE GALICIA ATA O MESMÍSIMO ECUADOR: COORDENADAS DO PRÓXIMO RECITAL DE POETAS DI(N)VERSOS

O Ciclo de poesía da Concellería de Culturas da Coruña celebra o próximo 28 de novembro a segunda cita deste seu oitavo ano consecutivo. Será coma sempre en día luns, coma sempre ás 20:30h e no Auditorio do Centro Ágora da Coruña, nun acto de aproximadamente unha hora de duración, aberto a todo o público interesado e con entrada de balde.

A programación, dirixida pola tamén poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, volverá reunir dúas das máis interesantes voces de Galicia e do resto do mundo, para que compartan en vivo os seus textos fronte a un público cada vez máis nutrido. Neste caso, dende Tui e dende Quito chegan respectivamente Marga Doval e Edwin Madrid. Dous autores ‘alérxicos’ a calquera tipo de impostura na escrita, procurando sempre a honestidade aínda que dende a estilización literaria de maior calidade. Os dous nados na primeira metade dos anos 60, o seu recital constituirá o harmónico diálogo entre unha poética en galego e outra en castelán.

Conducido pola poeta compostelano-coruñesa que coordina o proxecto dende 2009, o acto ofrecerá tamén a posibilidade de levar sinaturas dos escritores convidados nos exemplares dos seus libros. De feito, nomeadamente, o poeta ecuatoriano aproveitará a ocasión para presentar en Galicia o seu último título publicado baixo o prestixioso selo de Pre-Textos: a antoloxía persoal “Todos los Madrid, el otro Madrid”. Edwin Madrid é un dos autores máis unanimemente recoñecidos da poesía contemporánea do Ecuador. Premio Casa de América e director dos Obradoiros de Escrita Creativa da Casa da Cultura Ecuatoriana así como das Ediciones de la Línea Imaginaria, a súa intensa proxección internacional teno becado, premiado ou presentado por toda Latinoamérica, o Caribe, os Estados Unidos e Europa. Canto á viguesa Marga Doval, foi Lectora de Galego na Universidade de Tréveris e desenvólvese tamén como tradutora literaria dende o alemán (Premio AELG á mellor Tradución). Tense dedicado moi activamente á escrita teatral, así como ao columnismo de opinión. Autora tamén de dúas novelas, polo seu segundo poemario chegou a acadar o Premio da Crítica Española.

Os libros de Doval e Madrid poñeranse á venda para os e as interesadas por parte dunha das librarías dos barrios coruñeses, presente no evento como vén sendo habitual. E a este encontro poético seguirán novas citas mensuais de aquí a xuño, como a que o 12 de decembro nos traerá a viguesa Silvia Penas e a xenovesa Laura Accerboni. Un ciclo de alta calidade literaria que fora galardoado como Mellor Iniciativa Cultural nos Premios da Crítica Galicia 2014.


No hay comentarios:

Publicar un comentario