Páginas

lunes, 14 de octubre de 2013

224.- II Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con Barqueira e Remador"





ARRINCA O II OBRADOIRO INTERNACIONAL DE TRADUCIÓN POÉTICA CON AUTORES DE TRES CONTINENTES
 


O pasado 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, presentábase en Pontevedra o libro froito da primeira edición, “Con Barqueira e Remador”. A colección Cíes editaba o legado do traballo despregado durante o ano pasado, que recollía autores de Croacia, Islandia, Cataluña, Finlandia, Eslovenia e Letonia.

Só uns días máis tarde, arrinca a segunda edición deste proxecto pioneiro en Galicia, pero creado a imaxe dos moitos que se celebran por todo o mundo, capaz de colocar o noso país no mapa desa rede de iniciativas dedicadas ao intercambio entre linguas, poéticas e sistemas literarios.

O II Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con Barqueira e Remador” celebrarase do 14 ao 19 de outubro na illa de San Simón (Redondela), é un proxecto coordinado pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño e impulsado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Redondela, xunta outras entidades colaboradoras coma o Concello de Pontevedra, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Facultade de Filoloxía e Tradución do CUVI –e os grupos de investigación BITRAGA e GAELT vinculados á mesma- entre outras.

Os participantes nesta segunda edición, que cumpren o esixente perfil de seren poetas moi recoñecidos nos seus sistemas literarios e á vez sobranceiros tradutores de poesía, chegarán dende os máis afastados recantos de Europa, África do Norte e EEUU. Gökçenur Ç (Turquía), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (EEUU), Anna T. Szabó (Hungría) e Isaac Xubín (Galicia) desenvolverán un intensivo traballo presencial, colectivo e recíproco de tradución -a cadansúa lingua- dunha selección de textos poéticos propios acompañados de versións ponte en inglés, a que funcionará como lingua vehicular para todo o proxecto.

Mais, alén diso, un rico programa de actos paralelos servirá tamén para poñer en contacto aos públicos galegos da cultura con estas figuras literarias internacionais, á vez que os convidados coñecen máis de preto o tecido cultural galego sobre o propio terreo:

-       Mércores 16 outubro, 20h: Recital poético multilingüe “ATENDENDO Ó MEU AMIGO”. Casa das Campás, Pontevedra. (En colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra).

-       Xoves 17 outubro, 19:30h: Mesa redonda “CERCANDO AS ONDAS. Tradución poética en mans de poetas”. Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n), Vigo. (En colaboración con BITRAGA, GAELT e a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo).

-       Venres 18 outubro, 20h: Recital poético multilingüe “ATENDENDO Ó MEU AMIGO”. Auditorio do Multiusos da Xunqueira (en colaboración co Concello e a Biblioteca Municipal de Redondela).

Todos estes actos -gratuítos e abertos para todo o público interesado- permitirán coñecer de primeira man o labor desenvolvido, tanto como gozar das obras literarias destes sete recoñecidos autores nas súas propias voces, a carón das traducións ao galego das que este ano se ocupa Isaac Xubín. Así, este proxecto de transvase recíproco entre linguas transcenderá o espazo estable no que se desenvolverán as sesións do obradoiro: a illa de San Simón, berce simbólico da lírica galega e espazo privilexiado para a concentración da escrita, certo illamento introspectivo e altamente inspirador.

Completarase así un traballo que os poetas participantes darán a coñecer unha vez de volta nas súas respectivas comunidades lingüísticas, nun proceso de intercambio cultural que coloca á escrita galega nunha proxección internacional practicada dende o seu terreo.


Os idiomas estoniano, francés, turco, inglés, asturiano, húngaro e galego serán os protagonistas desta segunda edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con Barqueira e Remador” nunha iniciativa capaz de poñelos a todos ao mesmo nivel, facendo dunha illa pequena e periférica coma San Simón un verdadeiro centro de mutuo enriquecemento lingüístico e literario. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario