Páginas

miércoles, 1 de mayo de 2013

32.- O PENÚLTIMO RECITAL DO CICLO POETAS DI(N)VERSOS UNE OS BALCÁNS COA MARIÑA LUGUESA

PORTADA_74M





O PENÚLTIMO RECITAL DO CICLO POETAS DI(N)VERSOS UNE OS BALCÁNS COA MARIÑA LUGUESA
 


En marcha dende o pasado mes de outubro, a cuarta edición do Ciclo POETAS DI(N)VERSOS chega este próximo luns ao seu penúltimo acto. A única programación poética de toda España que convida regularmente poetas internacionais -á par dos galegos- reunirá para a oitava lectura deste curso a un autor macedonio e unha poeta viveirense. Os dous ofrecerán un recital de obra propia (en galego ou con traducións a esta lingua) este 6 de maio ás 20:30h no Auditorio do Centro Ágora da Coruña.

Nado en 1973 en Strumica, como descendente de refuxiados das Guerras Balcánicas de principios do século pasado, o macedonio Nikola Madzirov é un dos grandes nomes da poesía europea que virá. Traducido a unha trintena de idiomas e con multitude de galardóns e bolsas internacionais como escritor en residencia, é autor de tres poemarios celebrados por público e crítica. A iso hai que sumar libros seus, en tradución, aparecidos en Croacia, Reino Unido, EEUU, Alemania, Bulgaria ou Albania, unha lista de renome á que agora se suma o seu primeiro libro traducido ao castelánLo que dijimos nos persigue, acabado de saír no prestixioso selo de Pre-Textos para España e Latinoamérica, co-traducido por Yolanda Castaño e Marija Petrovska. O poeta chegará á Coruña tamén para presentar esta nova obra, que poderá adquirirse no Ágora como vén sendo habitual neste ciclo. Do mesmo xeito, tamén a autora galega estará ao dispor para asinar os seus libros tras o acto. Ela é Olalla Cociña, poeta mariñá residente en Compostela, dende onde coorganiza o ciclo de lecturas poéticas “Picaversos” xunto a Branca Novoneyra. Premiada co Avelina Valladares do 2004 e co Fiz Vergara Vilariño do 2008, Cociña é autora de títulos como As cervicais da memoriaAquí (intemperies) ou Libro de Alicia, así como dalgúns blogs, plaquettes, antoloxías e obras colectivas. Tanto Madzirov coma Cociña son autores dunha fráxil sutileza, tocados pola transparencia, a ollada do íntimo, e a tenrura.

Sempre na procura da máxima diversidade e calidade literaria, a coidada programación poética patrocinada pola Concellaría de Cultura da Coruña e dirixida pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño continuará ata xuño, cun novo recital aberto e gratuíto para todo o público interesado. Unha nova cita mensual con algúns dos mellores poetas actuais de Galicia e do mundo, que despedirá esta xeira literaria ata despois do verán.



No hay comentarios:

Publicar un comentario