Páginas

viernes, 5 de octubre de 2012

64.- O CICLO “POETAS DIN(V)ERSOS” VOLVE PARA CONSOLIDARSE NO ÁGORA


Comeza o curso académico e, con el, volve tamén o Ciclo de Recitais Poéticos POETAS DI(N)VERSOS no que será o seu segundo ano consecutivo no Centro Ágora, e cuarto de existencia.
A flamante programación poética do Concello da Coruña amplía a súa xeira estendéndose por vez primeira dende outubro a xuño: 9 citas ao longo de 9 meses que consolidan definitivamente esta iniciativa dirixida pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño.
A nova andaina inaugurarase o próximo luns 8 de outubro ás 20:30h con dúas das mentes máiis brillantes da nova poesía galega e española respectivamente: María do Cebreiro e Carlos Pardo. Versos repletos de pensamento, agudeza e unha rica bagaxe cultural, pero sempre manexados con desenfado e mesmo ironía. Nacidos na segunda metade dos setenta, a compostelá e o madrileño son cabezas visibles dunha xeración que comeza a inscribirse na historia da literatura, abalados por premios coma o “Caixanova” e o “Esquío” ela, o “Hiperión” e o “Generación del 27” el.
Pero as citas mensuais no Auditorio do Ágora co mellor da poesía contemporánea de dentro e fóra de Galicia continuarán de xeito aberto e gratuíto consolidando ese público nutrido demostrado en anteriores edicións. Na procura da máxima calidade literaria e da diversidade a todos os niveis, autores estranxeiros/as chegados dende outros idiomas achegaranse á Coruña para unirse sempre a un autor ou autora en galego. Así, os seguintes recitais dobres convocarán a un poeta xa case de culto como é Xabier Cordal –nacido e formado na Coruña- canda a figura revelación da literatura croata, Marko Pogačar. Será o luns 5 de novembro. En canto ao último encontro poético deste primeiro trimestre, este reunirá o luns 10 de decembro á coruñesa Emma Pedreira coa poeta francófona quebequesa Carole David, dúas voces que revisten de aparente dozura lene o esgazo, a rabia e mais a dor.
O único ciclo estable de toda Galicia que conta á vez con autores locais e foráneos continuará contando coa posibilidade de adquirir in situ os títulos dos convidados/as e solicitarlles a súa sinatura.


No hay comentarios:

Publicar un comentario