UN
POETA GALEGO E OUTRO INDIO NO
ÚLTIMO RECITAL DE “POETAS DI(N)VERSOS”
A única programación poética que –de xeito estable- presenta un/ha poeta galego/a e outro/a internacional en Galicia toca ao seu fin. POETAS DI(N)VERSOS interromperá as súas citas mensuais durante os meses estivais e volverá en outubro cunha nova edición do ciclo de recitais dobres.
O broche final poñerano dous autores moi completos pero de
xeografías ben afastadas. O ourensán Franciso X (Chisco)
Fernández Naval fará dúo co indio Sudeep Sen. O primeiro reside
dende hai 30 anos na Coruña e traballa como funcionario da
administración, o visitante imparte aulas de Literatura Inglesa na
Universidade de Delhi. O Premio Xerais de Novela, Premio de Poesía Fiz
Vergara Vilariño, e Premio “Cidade de Ourense” en dúas ocasións, establecerá así
un man a man cunha das voces máis representativas dentro da nova xeración de
autores indios en lingua inglesa.
Será o próximo luns 11 de xuño ás 20:30h, no Auditorio do
Centro Ágora da Coruña. Nun espazo aberto e gratuíto para
todos os amantes ou curiosos pola mellor poesía feita tanto no país coma no
resto do mundo. Con este motivo editarase un novo folleto políptico, e
convidarase a unha das librarías da cidade a que poña exemplares dos convidados
a disposición daqueles que queiran solicitarlles sinatura.
Ademais, o tamén editor Sudeep Sen, vén de tirar do prelo unha
informal pero coidada selección dos seus poemas en edición bilingüe
inglés-galego, grazas ás traducións da directora do ciclo -a tamén poeta e
dinamizadora cultural Yolanda Castaño, cuxos vertidos ao galego soarán no
acto do día 11.
O ciclo impulsado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña
acadou en todas as súas sesións unha chamativa asistencia, demostrando
que en tempos de crise segue a existir sempre un lugar para a poesía.

No hay comentarios:
Publicar un comentario