Páginas

domingo, 21 de febrero de 2010

152.- A LINGUA PORTUGUESA ESTRÉASE NO CICLO DE RECITAIS “POETAS DIN(V)ERSOS”

NOTICIAS PATROCINADAS por Literaturas Com Libros ¿QUIERES PATROCINAR ESTAS NOTICIAS? publicidad@literaturas.com

Anunciaba contar cos mellores poetas da actualidade nas 5 linguas na Península e esta vai ser a quenda para o idioma portugués.

Na súa xa cuarta sesión consecutiva dende que botara a andar en novembro do pasado ano, o ciclo de recitais poéticos “POETAS DI(N)VERSOS” convidará ao escritor luso José Luís Peixoto a que faga parella co galego Miguel Anxo Fernán Vello, recoñecido poeta da Xeración dos 80, Premio Nacional da Crítica en dúas ocasións, dramaturgo, incansable columnista e un dos máis grandes editores de poesía do noso país.

O único ciclo estable de lecturas poéticas con autores de dentro e de fóra de Galicia, dirixido pola poeta Yolanda Castaño e impulsado pola Concellaría de Cultura da Coruña, volverá este martes 23 ao atrio da Casa da Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga) nunha nova cita mensual ás 20:30h e con entrada libre.

O convidado de fóra para esta doble lectura poética na que se dá protagonismo á palabra viva, lonxe de academicismos e en contacto directo co público, será nesta ocasión un autor aínda mozo pero convertido –nos últimos tempos- en todo un ídolo das letras portuguesas actuais. Nado en 1974 nunha aldea alentejana, precozmente recoñecido e multiplemente premiado, a súa obra –eloxiada por Saramago- está traducida a 18 idiomas e chegou a vender 15.000 exemplares dun dos seus poemarios. Figura mediática no país veciño, Peixoto ten feito intensas colaboracións con bandas de Black Metal e tense convertido no fenómeno literario revelación en Portugal.

“POETAS DI(N)VERSOS” ten continuidade durante todo o curso e estenderase ata o verán con atractivas citas mensuais, e igualmente ofrece, en cada sesión, a oportunidade de adquirir in situ as obras dos autores convidados tanto como de solicitarlles sinaturas nos seus exemplares. A asistencia mínima que están a ter estas lecturas poéticas dende os seus comezos é de 200 persoas, demostrando a excelente saúde da afección pola poesía en Galicia.